A mellor escola, a casa

24.6.15

EMISIÓNS DE TEATRO RADIOFÓNICO

Xa comezaron as emisións das pezas gravadas en Radio Redondela, resultado dos Obradoiros de teatro radiofónico organizados polo SNL.

Publicamos aquí os audios editados para que os poidades escoitar con atención.

IES Mendiño



IES Chapela

 
CEIP Quintela

 
CEIP Santo Paio de Abaixo

Parabéns a todos os participantes.
Para o vindeiro curso haberá máis.

19.6.15

AS AVENTURAS DOS GOLFIÑOS

O pasado venres, 12 de xuño, a biblioteca de Chapela acolleu a presentación do conto AS AVENTURAS DOS GOLFIÑOS.




A mestra chapelá, Purificación Serrano Caviedes, e mais Paula Gozalo, presentaron este conto infantil orientado, principalmente, aos lectores máis pequenos de Redondela, e no que as referencias á toponimia chapelá e redondelá son constantes. Estiveron acompañadas por Purificación García, autora das fermosas ilustracións do conto, realizadas con diferentes técnicas, como a acuarela e o acrílico.

Os nenos e nenas que se acheguen a estas aventuras dos golfiños sentiranas como propias pois irán percorrendo lugares tan coñecidos de Chapela coma o peirao de Cardona, a praia de Arealonga, o areal dos Penedos ou o río Fondón; pero tamén pasarán por outros lugares redondeláns e da enseada de San Simón como A Portela ou o monte da Telleira 


O conto dos golfiños vén acompañado tamén dunha unidade didáctica titulada "Obradoiro para emocionarte", na que se propoñen unha serie de actividades e posibilidades educativas relacionadas con diferentes aspectos da cultura local, da educación en valores e, especialmente, da educación emocional. 

A edición correu a cargo do Servizo de Normalización Lingüística, e a Concellaría de Cultura repartirá exemplares do mesmo en todos os centros de ensino infantil e primario do concello.

Galería de imaxes da presentación.

9.6.15

OBRADOIROS DE TEATRO RADIOFÓNICO

O SNL do Concello de Redondela en colaboración coa actriz Marián Bañobre, de Ibuprofeno Teatro, programou uns obradoiros de teatro radiofónico na última semana de abril.

A proposta pretendía mellorar a competencia lingüística oral en lingua galega entre o alumnado de 3º ciclo de primaria e secundaria, facilitar o coñecemento das técnicas narrativas e interpretativas básicas da radio, e coñecer de primeira man o proceso de gravación e emisión a través da Radio Municipal de Redondela.

Na actividade participou alumnado de 3º ciclo de primaria do CEIP Quintela e CEIP Santo Paio de Abaixo, e dos IES Mendiño e Chapela.



Na última semana de maio e primeiras de xuño fixéronse as gravacións en Radio Redondela, e en breve comezarán as emisións para poder comprobar os resultados.