A mellor escola, a casa

4.2.16

Funcións escolares do musical "CARAPUCHIÑA VERMELLA"

O ano comezou con teatro e moita música para os escolares redondeláns que participaron das funcións  de CARAPUCHIÑA VERMELLA, o musical da compañía Educateatro Producións.

Alumnado coas caretas no Piñeiral do Crego, Chapela

Esta foi a primeira actividade do trimestre organizada dende o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración cos centros de ensino redondeláns. 
Realizáronse tres pases de Carapuchiña Vermella (1 en Chapela o 22 de xaneiro, e 2 en Redondela o 25 de xaneiro), no que participaron 748 escolares das escolas infantís: A Marisma, San Pedro e Ventosela; e dos centros de primaria: CEP Santa Mariña, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP de Cedeira, CEIP Igrexa-Chapela, CEIP Laredo, CEIP Outeiro das Penas, CEIP Porto Cabeiro, CEIP Quintela e CEIP Santo Paio de Abaixo. As idades das escolares ían dos 4 aos 10 anos.

Esta é unha versión particular do clásico dos Irmáns Grimm, unha adaptación modernizada na que os personaxes do conto están máis próximos á actualidade.

A historia está narrada por Plácido, un escritor de contos que, axudado pola súa vella máquina de escribir, traballará arreo para mecanografar o conto máis bonito do mundo enteiro: Carapuchiña Vermella.

A proposta mestura teatro de actor con manipulación de corpóreos e voz en directo, para transmitir aos cativos e cativas valores como a ecoloxía e a igualdade ao mesmo tempo que ensina a reciclar ou as profesións, evitando a compoñente sexista. 


Carapuchiña Vermella, O Musical está composto por sete cancións orixinais cantadas en directo e pensadas especialmente para as idades máis temperás.

(Fotos de Rafa Estévez)