A mellor escola, a casa

25.5.16

Obradoiros de teatro radiofónico con Santiago Cortegoso

No mes de abril celebráronse obradoiros de introdución ao teatro radiofónico, e práctica de dramatización, orientados a alumnado de 3º ciclo de primaria e ESO.

Cada xornada formativa tivo unha duración de 3 horas, nas que Santiago Cortegoso (Ibuprofeno Teatro) fixo unha introdución ao mundo da dobraxe e da teatralización radiofónica, e logo traballou, sobre un texto previamente escollido por cada centro, co grupiño de alumnas e alumnos que poñerían voces ás gravacións das pezas en Radio Redondela.

Nesta actividade participou alumnado do Colexio Vigo, dos CEIP Laredo e Santo Paio de Abaixo, e dos IES de Chapela, Illa de San Simón, Mendiño e Pedro Floriani.

No mes de maio comezaron as gravacións na Radio Municipal de Redondela, e no mes de xuño realizarase o concurso para premiar a mellor dramatización e a maior calidade lingüística.



Obradoiros "FAI UN MONICREQUE"

Durante o mes de marzo desenvolvéronse os obradoiros FAI UN MONICREQUE, desenvolvidos por Tanxarina Títeres, en distintos centros de ensino de Redondela.

Con esta actividade formativa, ademais de achegar o mundo dos monicreques aos máis pequenos, perséguese desenvolver a súa capacidade creativa e favorecer o seu desenvolvemento persoal.

Con materiais e elementos sinxelos (bolas de cortiza ou porexpán, anacos de tea, lás, etiquetas adhesivas, varas de madeira, panos, botóns, etc., constuiron os seus propios monicreques.

A actividade desenvolveuse para alumnado de 6 a 12 no CEP Santa Mariña, nos CEIP Quintela, Porto-Cabeiro, Santo Paio de Abaixo, Alexandre Bóveda, Outeiro das Penas, Laredo, Cedeira, Igrexa-Chapela e no Colexio Vigo, e participou un total de 545 rapaces e rapazas. Algúns centros falaron da actividade.

Funcións escolares do espectáculo de monicreques A CASA DO AVÓ

A Concellaría de Cultura e mais o Servizo de Normalización Lingüística organizaron, no mes de febreiro, funcións escolares do espectáculo de monicreques A CASA DO AVÓ, da compañía redondelá Tanxarina Títeres.

Función no Piñeiral do Crego
A función combina traballo actoral con manipulación de siluetas, e está escrita e dirixida por Cándido Pazó. Foi premiada como Mellor Espectáculo Infantil nos premios María Casares 2015.

Trátase dunha obra de teatro social e educativo onde os dereitos da infancia van máis aló do puramente artístico, e na que o público recibe información do que pasa ao seu redor para conseguir a súa implicación na xustiza social e na igualdade.
Función na Xunqueira
As representacións celebráronse no auditorio do Piñeiral do Crego en Chapela, para alumnado dos CEIP Igrexa-Chapela, Laredo e Alexandre Bóveda, e do Colexio Vigo; e no da Xunqueira en Redondela, no que participou alumnado do IES Floriani, CEP Santa Mariña e dos CEIP de Cedeira, Outeiro das Penas e Santo Paio de Abaixo. As 3 funcións celebráronse cheas de arte interpretativa e manipulación de monicreques, pero tamén de denuncia, solidariedade e orgullo pola nosa lingua, e asistiron máis de 665 rapazas e rapaces.
 
Actores de Tanxarina