A mellor escola, a casa

13.9.16

AXENDA ESCOLAR REDONDELÁ 2016-17

As axendas escolares que edita o Servizo de Normalización Lingüística e maila Concellaría de Ensino do Concello de Redondela xa están chegando aos centros educativos.

A Axenda escolar redondelá 2016-17 estase a distribuír de xeito gratuito entre o alumnado de ensino primario do CEP Santa Mariña, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP de Cedeira, CEIP Igrexa–Chapela, CEIP Laredo, CEIP Outeiro das Penas, CEIP Porto-Cabeiro, CEIP Quintela e CEIP Santo Paio de Abaixo, e do 1º ciclo da ESO do IES Chapela, IES Illa San Simón, IES Mendiño e IES Pedro Floriani. Este é o quinto ano consecutivo no que o Servizo de Normalización Lingüística se encarga da edición destas axendas escolares, co obxectivo de divulgar a cultura e o patrimonio locais entre a poboación máis nova, e promover a normalización da lingua galega entre o alumnado redondelán.

A edición para o curso 2016-2017 inclúe algunhas das actividades de dinamización e normalización lingüística desenvolvidas durante o curso pasado por este SNL para os centros de ensino: roteiros de toponimia, obradoiros de teatro radiofónico, actividades de narración oral, representacións teatrais e actividades das Letras Galegas 2016.
Ademais inclúe traballos escolares e as impresións do alumnado participante nas actividades desenvolvidas. Tamén se recolle parte do patrimonio inmaterial a través de ditos e coplas, a onomástica en lingua galega, as conmemoracións escolares e as celebracións propias de Redondela, e contidos relacionados especificamente coa toponimia local.


Con esta publicación o alumnado redondelán recibe unha ferramenta útil para a organización das tarefas escolares, pero ademais serve para incentivar o seu interese polo seu contorno, a cultura local, e para normalizar o uso da lingua galega na súa vida diaria.

Proxeccións de MAIMIÑO E O ESPELLO MÁXICO

O 2 e 3 de maio, o auditorio da Xunqueira acolleu as proxeccións de MAIMIÑO E O ESPELLO MÁXICO, un filme de animación indicado para alumnado de infantil e primaria. 

Maimiño e o espello máxico é o único filme de animación infantil galego e en galego.Trátase dunha coproducción galego-cubana (Ficción Producciones e ICAIC de La Habana), baseada na adaptación que sobre o clásico Polgariño  escribiu o gran escritor cubano José Martí, e que publicou no ano 1889 na revista La edad de oro


Dirixido por Ernesto Padrón, que contou coa colaboración como director convidado do galego Bruno López, Maimiño conta unha historia chea de ritmo e enerxía, que incorpora na súa trama algúns dos valores más relevantes a trasladar na primeira infancia: a amizade, a xustiza social, o amor ou a importancia do esforzo para acadar os obxectivos. 

As voces en galego están interpretadas por algúns dos principais actores e actrices do panorama actual como María Castro, Javier Rey, Carlos Blanco, Monti Castiñeiras e Antonio Mourelos, entre outros. 

A banda sonora está asinada polo gran autor cubano Silvio Rodríguez, xunto co compositor galego de música para cine e televisión Manu Riveiro. Maimiño conta, ademais, na interpretación dos temas en galego con cantantes da talla de Uxía Senlle e Xoán Curiel. 

A proxección incluíuse dentro das actividades das Letras Galegas 2016, coa intención de ofrecer cinema en galego á poboación infantil, e participaron 548 escolares dos seguintes centros: EEI San Pedro, CEP Santa Mariña, CEIP Outeiro das Penas, CEIP Porto Cabeiro, CEIP Quintela, CEIP Santo Paio de Abaixo, Colexio Vigo e CAPD Chapela.

9.9.16

CONTADA DE PAULA CARBALLEIRA

O 26 de abril celebramos unha actividade de narración oral da man da escritora, contadora e actriz, Paula Carballeira.


Co obxectivo de achegar ao alumnado de secundaria á nosa tradición oral e prestixiar o discurso en galego daquelas persoas que traballan a palabra na nosa lingua, desenvolvéronse dúas sesións nos auditorios do Piñeiral do Crego e da Xunqueira, na que partipou un total de 415 espectadores do IES Chapela e o CAPD de Chapela, e os IES Mendiño, Pedro Floriani e Illa de San Simón.

Paula Carballeira neste traballo parte dos contos de medo tradicionais galegos que nos lembran que a morte está aí, que nos persegue... por iso hai que vivir moito e ben, e rir sempre que se poida...

A actividade incluíuse na programación das Letras Galegas 2016.

ROTEIROS DE TOPONIMIA

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organizou uns ROTEIROS DE TOPONIMIA para alumnado redondelán, que desenvolveu TRESPÉS, SOC. COOP. GALEGA.

Os percorridos realizáronse en catro ámbitos distintos:
Roteiro 1. A historia mariñeira da vila de Redondela e Vilavella. Roteiro 2. Quintela. Roteiro 3. Cabeiro-Negros. Roteiro 4. Chapela.



Baixo o título “A memoria da Redondela mariñeira” o alumnado participou dunha ruta pola vila, onde aprenderon a orixe de topónimos como Cabo dos Fumeiros, rúa Ribeira ou Campo das Redes, e souberon onde se atopaban outros como "O Cagadouro", A Esfarrapada, a Praza do Estaleiro, a rúa do Medio, Vilavella, A Xunqueira, "a banda da maré", "a poza da becha" ou "o pulpizo".

No percorrido por Chapela descubriron onde está o río Maceiras (tamén chamado Segade), o Fondón, que hai un peto de ánimas que dá nome á rúa das Ánimas, e outros lugares como Cidadelle, Laredo, Trasmallo, e o Cubillón. E mesmo falamos cun home maior que nos dixo que se perderon nomes que existían como o Camiño das Hortas (a carón do centro acuático) ou a Veigha do Medio (onde estaba antigamente a fábrica de Cardona).


Na ruta por Cabeiro aprenderon a relación dalgúns topónimos relacionados coas pedras ou a auga, e souberon de nomes de lugar como A Minada, Pociños, Coutadiñas, ou o Muíño do Castro.

No percorrido por Quintela tamén afondaron neste coñecemento, souberon de topónimos relacionados con accidentes xeográficos e coa vexetación, como O Pumar.

Na actividade participoron máis de 400 alumnas/os do CEP Santa Mariña, dos CEIP Santo Paio de Abaixo, Quintela, Porto-Cabeiro, Laredo, Igrexa-Chapela e Alexandre Bóveda; e dos IES Mendiño e Illa de San Simón.